Sunday 12 de May de 2024

O grupo Teatro Escola de Narón representará mañá sábado “Será por camiños” no centro social polivalente de Brión


O centro social polivalente de Brión acollerá mañá sábado 17 de novembro, ás 20:30 horas, a actuación do grupo Teatro Escola de Narón, que porá en escena a súa obra “Será por camiños”. Unha representación incluída no “Outono cultural”, programa organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e o programa Ler Conta Moito. A entrada é libre e de balda ata completar aforo.

“Será por camiños”, de José Prieto e Manuel Areoso, é unha peza dirixida ao público familiar. Dirixidos por Celia González, este grupo de teatro afeccionado presentará a historia de Renata Castro, unha muller de nobre familia que no século XIII escapa do Mosteiro do Couto fuxindo dun matrimonio de conveniencia decidido pola súa familia. Na súa fuxida atopará a Gaspar, un xograr que se gaña a vida entretendo coas súas cantigas aos visitantes do mosteiro. A parella, unidas polas circunstancias, comezará a andar o camiño ata Santo André de Teixido, vivindo unha aventura fantástica e perigosa na que vivirán situacións inquedantes, aprenderán grandes lendas e historias de todos os tempos e falarán con moitos personaxes de diferentes condicións e épocas.